Friday 03 de May de 2024

O Concello de Oleiros participa na misión do Fondo Galego aos campamentos saharauís


Para amosar o apoio do Concello de Oleiros á República Árabe Saharauí Democrática e denunciar a situación de abandono que segue a padecer o pobo saharauí por parte da comunidade internacional, o concelleiro de comunicación Pablo Cibeira representou ao Goberno municipal nunha misión aos campamentos de persoas refuxiadas saharauís de Tinduf organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a Delegación da RASD en Galicia e SOGAPS.

A misión incluíu unha recepción co Primeiro Ministro, Buchraya Bayun, así como outros encontros con ministros e entidades, e unha visita e ao proxecto ‘Nadafa’, financiado polo Concello a través do Fondo Galego para mellorar a recollida e tratamento de lixo nos campamentos. Tamén se realizou unha vista a un colexio do campamento de Bojador co que o alumnado de 6º do colexio Valle Inclán establecerá unha comunicación mediante carta para intercambiar vivencias e as distintas realidades que lles toca vivir a uns e outros.

O Concello de Oleiros sempre foi un firme defensor do dereito de autodeterminación e independencia do pobo saharauí e do recoñecemento do Fronte Polisario como o seu único e lexítimo representante. Durante toda a etapa democrática foron numerosas as campañas de denuncia da situación así como os programas de cooperación e axuda realizados. O Goberno municipal tamén foi un dos creadores do programa Vacacións en paz, mediante o que centos de nenos saharauís viñeron e seguen vindo a España a pasar os veráns con familias de acollida.

O Sáhara Occidental, que fora a provincia española número 53, está ocupado ilegalmente por Marrocos desde o 1975. Expulsados da súa terra e masacrados na fuxida, o pobo saharauí resiste desde entón como pode en campamentos de refuxiados. O muro máis grande do mundo, de 2.720 km, franqueado por centos de postos militares e minas antipersonas, impide calquera intento de regreso aos seus fogares.

A resolución deste conflito, tal e como estableceu a ONU no 1991, pasa pola celebración dun referendo de autodeterminación, que segue sen producirse. O cambio de postura do Goberno español no 2022, apoiando a Marrocos, supuxo un importante retroceso para as esperanzas do sufrimento saharauí e o incumprimento da legalidade internacional e das obrigas do Estado español como país administrador nun proceso de descolonización aínda non finalizado.